Asociación Pensando en ti

O programa

Pensando en ti, moito máis ca un programa de radio

Pensando en ti é un punto de encontro para moitas persoas, un foro de debate permanente e un servizo público que o converte en algo máis que un programa de radio. É o lado humano da noite.

Pensando en ti é un programa da Radio Galega que leva en antena desde o ano 1996 conseguindo moi bos resultados de audiencia.

Dirixido e presentado por Marcial Mouzo, reúne oíntes que traballan de noite e xente que non quere ou non pode durmir por distintos motivos e que atopa no programa a compaña que precisa para levar con ánimo esas horas intempestivas da madrugada.

Os oíntes deste programa comparten en directo a través do teléfono, nun ton distendido, experiencias persoais e opinións sobre todo tipo de temas que van xurdindo ao longo da noite, fomentan a amizade entre eles e axúdanse mutuamente cando o necesitan.

O ton distendido que se utiliza habitualmente no programa desaparece cando manda a actualidade. Nese momento os oíntes convértense en correspondentes improvisados, dando conta do que sucede nas noites de Galicia, convertendo o programa nun referente para os demais medios de comunicación pola cantidade de primicias que deron os condutores desde as estradas, informando sobre accidentes que se acaban de producir. O mesmo pasa cos mariñeiros que están tamén en comunicación desde os barcos a través do teléfono ou utilizando as Radio-Costeiras.

Os oíntes teñen a seguridade de que cando algo pasa nas noites de Galicia cóntase no programa e acódese ao servizo público da radio para facilitarlles as cousas ás persoas que poidan ter algunha dificultade. Así se fixo, por exemplo, na famosa noite dos terremotos no ano 1999 e en moitas outras noites de temporal e de problemas serios nas estradas ou no mar, como sucedeu a noite que caeu a Ponte das Pías en Ferrol, cando foi o primeiro programa que informaba sobre o que acontecía.

Radio Galega
Escoita a radio

Colaboradores
Capa Travel Viaxes Concello de Cerceda Restaurante O Parque Proteccion Civil Cerceda